Corazón de artesanía. Agolada

xa o dicía fai uns meses neste artigo, síntome emocionalmente vinculada a artesanía, sinto tamén a necesidade de comunicar cas mans, “facer é poder” como di Rosa Pomar, eu engadiría “facer é comunicar”, comunicar para min é querer contar unha historia ca clara intención de emocionar, e de tentar cambiar as cousas, sexa cambiar un sorriso e facelo máis amplío, sexa amosar as posibilidades comunicadoras dunha barquiña de papel ou de moitas feitas coa simplicidade de follas de papel, sexa levar polo pais adiante a vida do meu pobo Sardiñeiro ou sexa demostrar que educación + as emocións + un chisco de deseño ten como resultado algo extraordinario.

este ano tiven a sorte de reunir nun pendello uns centos de barquiñas, o meu manifesto, as emocións e a miña clara intención de comunicar, arroupada por un montón de artesáns, tiven a sorte de poder estar en Agolada, no Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia.

Xa case pasou un mes, e sigo emocionada, recuperei os folgos, máis as emocións perduran, pasei tres dias nun pendello, si nun pendello, iso a min xa me da para contar unha historia o resto da miña vida, de feito non e a única historia que teño dos pendellos de Agolada, de feito teño esta outra .
Xa fai case un mes que pousei a máquina de coser da miña bisavoa nun pendello e estivo tres días cosendo sen parar, cosendo barquiñas e prestando o seu corpiño a moitos nenos e nenas, e xentiña de amplo corazón e mans inquietas.

Fixen unha recapitulación de imaxes que me enviastes deses días, non todas as imaxe son miñas, algunhas son prestadas, e xa vos digo que reúnen algúns dos momentos que vivimos alí, máis as emocións e as conversas quedaron alí, entre nós, entre a pedra, as barquiñas e a xente, toda a xente que me acompañou, que repetiu, que viña a sentarse e facerme compaña, moitos e moitas viñeches a compartir moito agarimos comigo, así o sentín, e claro despois pensado cando ía no coche, de volta, cheguei a conclusión: ah, por iso é corazón de artesanía, non por que se faga no centro de Galicia, chámase Corazón por que o encontro está feito con moita pel, con moito traballo pero sobre todo co corazón das persoas que o fan posible, co corazóns e as mans de moitos e moitas artesáns, coa amplitude dos corazóns da xente que ven a participar dun encontro que a min me emocionou, e si xa sei que son moito de namorar e emocionarme, seino,pero tamén vos digo que a mi non me emociona calquera cousa, son moi exixente, e desta vez, directa o meu corazón de artesanía.

Moitas grazas a toda a xente que o fixo posible, moitas grazas a toda a xente que alí coñecín.