soñade e xogade

Ola, non quería que rematar este 2015 sen escribirvos unhas letras.

Dende o 2012 mimadriña vai facéndose pouco a pouco, moi paseniño,aprendendo polo camiño, dereitiña ás veces e outras con algunha que outra viravolta. Este ano 2015 foi especialmente importante, tiven moito traballo e tamén tiven a oportunidade de poder escoller e facer o que máis me gusta, e iso para min ten moito, moitísimo valor.

Tamén foi o ano de prender con moitísima ilusión un novo proxecto a longo prazo na miña Costa da Morte, etel&pan, que tantas alegrías nos deu aos poucos de nacer e nos sigue a dar, pero que tamén mostrounos a cara menos optimista do lugar e a sociedade na que vivimos.

Nunca tiven tantos plans para un novo ano, o 2016 virá cargadiño de moitas horas de traballo para ver como medran tanto mimadriña como etel&pan, e quizais, nunca se sabe, prendan novas cousas. O bo de vivir na Costa da Morte, a pesar de todo, é que está chea de oportunidades e cousas por facer e refacer, así que eu seguirei soñando e xogando!

Deséxovos o mesmo para vós neste 2016, soñade e xogade