A illa da lobeira, o meu recuncho favorito

a illa da lobeira sempre estivo aí, xa cando nacín estaba, e xa dende ben pequena teño recordo de mirala dende a ventá do salón de arriba da casa da miña tía Viví. ela tiñan alí uns prismáticos e eu miraba e miraba para a illa que pousaba xusto no medio da ría de Corcubión, alá onde te movas pola costa entre Fisterra e lariño, se miras para o mar, alí está a illa.

Co tempo e visto o meu interese, agasalláronme cuns prismáticos de xoguete da feira, moita cousa non se vía pero recordo que miraba e miraba a ver si vía o que alí acontecía, nunca vía nada pero estaba segura que alí pasaban cousas, aventuras.

Como non atopaba a forma de ir, pensei en facer un barco ben grande de cartón e ir ata alí. ata teño pensado que si pousaba no mar, na praia de sardiñeiro barquiñas de papel e as deixaba marchar, ao mellor algunhas volvían de volta con minitripulación que habitarían a illa, imaxinade cando descubrin Gulliver, de repente todo tiña sentido, eso podía pasar, quizáis na illa, vivira xentiña.

Así pasou o tempo e fíxenme un pouco máis maior, e con máis de 30 anos cumpridos, pisei por primeira vez a illa da Lobeira, dende aquel día descubrín que aquela illa atrapaba as mellores vistas da costa, as mellores luces, que dende alí vianse os recunchos favoritos imprescindibles para min como son Caneliñas, Quilmas, Talón ou o Furadiño. Dende aquel día dixen que esa illa era un lugar demasiado bonito e que solo levaría xente bonita ata alí, e así o fixen, a segunda vez que fun, Simón, un rapaz do Sardiñeiro levoume e eu levei a Mai e a Etel e desta, a terceira vez, outra vez máis Simón co seu barquiño volveu levarme para levar a xente linda coma Etel, Begoña e Iván.

Sei que a moitas e moitos de vós, nalgún momento prometinvos que vos levaría en barquiña a un dos meus recunchos favoritos. Sei que non é o mesmo, e sigo pensando que unha promesa hai que cumprila, pero hoxe se queredes, lévovos. Subide comigo, lévovos a Illa da Lobeira, o meu recuncho favorito, un lugar bonito para xente bonita coma vós.

Por certo, sen Simón do Sardiñeiro e sen Begoña da TVG esta viaxe non sería posible, graciñas patrón e patroa!

as fotos son unha selección de fotos tomadas por Etel Bande Simón e Iván.

preme na imaxe para ver o vídeo